Friday 17 de May de 2024

O pleno de Lousame pide que se aplique a máxima bonificación e o mínimo coeficiente aos inmobles con actividade agrogandeira


Todos os grupos rexeitaron a fusión de Lousame con outro concello pero non aprobaron a moción do Partido da Terra, que non retirou a petición de eliminar medidas de fomento das agrupacións de municipios

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade unha moción conxunta de PP e PSOE que esixe que se aplique a máxima bonificación e o mínimo coeficiente posible aos inmobles con actividade agrogandeira, diante da regulación catastral que se está a facer en todos os municipios e que deberá estar rematada este mesmo ano. Todos os grupos coincidiron en establecer unha bonificación do 95% a todas as instalacións indispensables para as explotacións agrogandeiras e aplicarlles o coeficiente do 0,3% de tributación sobre o valor catastral.

Ademais destes dous puntos, nos que coincidían as mocións de PP e PSOE, o grupo de Goberno pediu unha moratoria a Facenda para que o proceso de regulación catastral non se faga sen ter en conta a ideosincrasia dos concellos galegos e solicitar o asesoramento da Fegamp. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, indicou que “ademais das bonificacións que tamén solicita o PSOE, nós a maiores pedimos o asesoramento da Fegamp e que o Goberno devolva as cantidades xa ingresadas, que non afecta a Lousame pero entendemos que é unha cuestión de solidariedade con outros municipios”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Julio Paradela, explicou que de non tomarse este tipo de medidas “nos concellos rurais vai ser moi gravoso e prexudicial porque pagan a pagar instalacións que estaban exentas de facelo”.

Unanimidade

A unanimidade tamén se mantivo na aprobación de dúas mocións do PSOE, sobre o carné de manipulador de fitosanitarios, e do Partido da Terra, sobre prevención de lumes forestais. Previamente, o pleno municipal aprobara por unanimidade as actas das dúas sesións anteriores, así como un recoñecemento extraxudicial de crédito de 3.572,93 euros para aboar facturas presentadas en 2016 pero que se corresponden con actividades realizadas en 2015. Este punto aprobouse cos 6 votos a favor do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG. O Partido da Terra non se incorporou ao pleno ata o debate da súa moción, polo que non votou nin na parte dispositiva nin na primeira moción do PSOE.

Esa moción, aprobada por unanimidade, insta á Xunta de Galicia a programar para este ano 2016 un plan especial e inmediato para dar resposta á demanda de todas as persoas que precisen acceder ao carné de Manipulador de Produtos Fitosanitarios de nivel básico, toda vez que “dende o 25 de novembro pasado só se poden vender estos produtos a titulares dun carné de aplicador-manipulador”, lembrou Paradela.
Teresa Villaverde confirmou que dende a Oficina Agraria informaron de que Lousame disporá de 20 prazas cada semestre para a realización destes cursos pero recoñeceu que “dende a Administración tiñan que ter feito unha campaña para educar no uso de produtos menos dañinos para o medio e máis ecolóxicos para minimizar así o número de persoas que necesiten deste carné”.

O Partido da Terra tamén sacou adiante por unanimidade unha moción sobre prevención de lumes forestais, despois de retirar e modificar varios puntos como a súa esixencia de creación e profesionalización dunha cuadrilla municipal de desbroces e loita contra o lume. “Non é viable contratar dende o Concello unha cuadrilla todo o ano. Temos a cuadrilla que vén de Medio Rural e que desbroza no verán e así mantemos o monte que é propiedade municipal”, explicou Teresa Villaverde.

A alcaldesa tamén lembrou que o gabinete municipal de apoio aos montes en man común para informalos sobre subvencións e axudas xa existe e que tamén se están facendo actividades de educación ambiental, tanto no colexio como cos maiores. O voceiro do Partido da Terra, Xoán Evans pediu tamén o fomento de actividades como “o pastoreo de conservación” ou “a declaración de espazos de interese natural” en Lousame que merezan unha maior protección, algo co que coincidiu Villaverde aínda que adiantou que “iso levará tempo pois será preciso facer primeiro un traballo de divulgación”.

Non á fusión

Xoan Evans presentou unha segunda moción na que pedía “rexeitar a fusión de Lousame con calquera outro concello e comprometerse a non tramitar ningún convenio de fusión”, algo que no que coincidiron todos os grupos municipais, e un segundo punto no que instaba á Xunta de Galicia “a eliminar as medidas discriminatorias de apoio ás fusións”. Este segundo punto non foi aceptado nin polo PP, nin polo PSOE nin polo BNGs, que pediron a súa retirada para aprobar unicamente o rexeitamento á fusión de Lousame con calquera outro concello. A negativa do voceiro do Partido da Terra a retirar ese segundo punto motivou que a moción fose rexeitada cos 9 votos en contra de PP e PSOE, a abstención do BNG e o voto a favor do PT.

Teresa Villaverde explicou: “son alcaldesa de Lousame e non está no noso obxectivo a fusión con ningún concello. Esta moción ten unha obsesión cunha cuestión que non responde á realidade. A min ninguén me propuxo unha fusión e rexeitamos a fusión do Concello de Lousame con calquera outro concello”. Iso si, explicou que “seguiremos traballando xuntos con outros concellos e acudindo agrupados ás solicitudes de subvencións que saian da Xunta porque entendemos que traballar xuntos non ten nada malo. Entendemos que a colaboración entre municipios é positiva”.

Julio Paradela xustificou o seu voto en contra en que “nos opoñemos á fusión pero as conversas non van por aí. E encontramos unha contradicción moi grande no PT cando defende a autonomía do municipio e despois fala de eliminar o Concello e darlle o poder ás parroquias”. Un punto que se incluía na moción orixinal do PT pero que foi retirado antes do seu debate en pleno. Finalmente, o voceiro do BNG, Amador Turnes, explicou que “nos abstemos porque temos outra visión diferente. Rexeitamos a fusión con Noia, pero esta non é a maneira de facelo”.

Por último, o pleno municipal rexeitou unha moción de urxencia do BNG que pedía arriar a bandeira da UE diante “da actitude escandalosa e inhumana” que está a manter no caso dos refuxiados, explicou Amador Turnes. A proposta foi apoiada polo PSOE, pois “é unha falta de humanidade e de ética, que xustifica calquera forma de protesta”.

Teresa Villaverde indicou que “estou de acordo en que é escandaloso o que está a pasar pero creo que non debemos arriar a bandeira pois sería dar ánimos a outro tipo de grupos que só queren a desparición da Unión Europea”. E o voceiro do PT dixo que “votarei a favor se a bandeira se quita para sempre”. Unha afirmación ante a que a alcaldesa de Lousame retomou a palabra e propuxo ao grupos reunirse despois do pleno para acordar outro tipo de actuación conxunta de rexeitamento á situación dos refuxiados.